'Historia' Category

10 de decembro: Día dos Dereitos Humanos

Decembro 11th, 2011 Decembro 11th, 2011
Posted in Ensino, Historia
Comentarios desactivados en 10 de decembro: Día dos Dereitos Humanos

63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou aDeclaración dos Dereitos Humanos.
Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.
Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma “Coñecernos para querernos“, nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.
E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: “Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos”
* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchirبوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.
Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio… pero con rodas!!!

Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.
Música e DDHH
Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)
Imaxe atopada aquí

Visita ao Museo Etnográfico de Meixido

Xullo 2nd, 2011 Xullo 2nd, 2011
Posted in Actividades, Club de lectura, Historia
Comentarios desactivados en Visita ao Museo Etnográfico de Meixido

 

A última actividade do club de lectura levounos ata as terras do Ortegal. Narciso Luaces e Herminia Covelo abríronnos agarimosamente as portas do Museo Etnográfico de Meixido (Ortigueira) que é tanto como dicir da súa casa. Con paciencia e xenerosidade Herminia e Narciso dedícan os mellores anos da súa vellez a buscar, recoller e expor os obxectos que coñeceron desde a infancia.

Narciso e Herminia foron xuntando arreo desde 1999 unha colección que na actualidade xa supera as tres mil pezas de gran valor histórico e, en moitos casos, sentimental. Herminia e Narciso guían aos visitantes e ninguén coma eles para transmitir esa emoción polo coñecemento do pasado e facer do percorrido do museo unha vivencia única.

Ademais da súa sabedoría, Narciso e Herminia compartiron connosco unha doce infusión de herba luísa, desde agora bebida oficial do club e a lectura improvisada dunhas páxinas d´O carreiro. Memorias do tío Santos, o primeiro libro de Narciso. Anunciounos que xa ten outro no prelo sobre os oficios e que agardamos ver e ler proximamente.

Moitas grazas Narciso e Herminia; Herminia e Narciso.

Ligazóns:

Entrevista na Radio Galega. (mp3)
Entrevista con Narciso Luaces
Lectura da Romaxe a Santo André de Teixido. Biblioteca Virtual Galega

Fotos da Guerra Civil na Casa da Xuventude de Ares

Xaneiro 25th, 2011 Xaneiro 25th, 2011
Posted in Ares-Mugardos, Exposicións, Fotografía, Historia
Comentarios desactivados en Fotos da Guerra Civil na Casa da Xuventude de Ares
A Casa da Xuventude de Ares acolle ata o 7 de febreiro a mostra “Hermanos Mayo. La Guerra Civil Española”.  Trátase dun cento de imaxes inéditas da Guerra Civil realizadas polos fotógrafos galegos integrantes do colectivo Hermanos Mayo: os irmáns Paco, Cándido e Julio Souza Fernández e os tamén irmáns Faustino e Pablo del Castillo Cubillo.
Estas fotografías, que durante máis de sete décadas estiveron nos arquivos da Biblioteca Nacional e nos últimos meses están a percorrer os diferentes municipios da provincia.
Son imaxes en branco e negro dos combatentes da 43 División, dos presos republicanos no cárcere de Carabanchel, das trincheiras do Ebro, do fronte de Guadalaxara e de Madrid, ás que se suman outras que reflexan a realidade social do país en guerra.
A exposición poderá visitarse no horario de apertura da Casa da Xuventude; é dicir, de martes a xoves de 10.00 a 14.00 horas, e os venres, sábados e domingos, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas.
A entrada é libre e de balde.
 
Vía: Concello de Ares