'Ensino' Category

10 de decembro: Día dos Dereitos Humanos

Decembro 11th, 2011 Decembro 11th, 2011
Posted in Ensino, Historia
Comentarios desactivados en 10 de decembro: Día dos Dereitos Humanos

63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou aDeclaración dos Dereitos Humanos.
Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.
Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma “Coñecernos para querernos“, nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.
E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: “Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos”
* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchirبوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.
Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio… pero con rodas!!!

Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.
Música e DDHH
Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)
Imaxe atopada aquí

Avaliación da HORA DE LER

Xuño 29th, 2011 Xuño 29th, 2011
Posted in Actividades, Ensino
Comentarios desactivados en Avaliación da HORA DE LER

Durante as últimas semanas do curso realizamos un inquérito para coñecer o funcionamento e a opinión da comunidade escolar sobre a HORA DE LER . Obtivemos 83 respostas de alumnos/as  e 19 respostas de profesores/as. En xeral, os datos reflecten unha boa impresión da experiencia inicial deste ano, pero tamén algúns puntos conflitivos que cómpre solucionarmos para os vindeiros cursos.

Podes consultar todos os resultados e comentarios no seguinte enderezo.

Avaliación da HORA DE LER.pdf

Moitas grazas a todos/as pola colaboración. Feliz verán de libros e lecturas.

Móstrate, mestre!

Xuño 5th, 2011 Xuño 5th, 2011
Posted in Actividades, Ensino
Comentarios desactivados en Móstrate, mestre!

O próximo venres día 10 será a xornada de portas abertas e terá lugar o tradicional acto cultural.  É un día para mostrar o moito e bo traballo que se está a facer no centro. Este ano trátase de dar visibilidade, de poñer en valor a preparación e profesionalidade do profesorado e tamén de mostrar as súas inquedanzas.

Pódese ver o programa ampliando o cartel:

Xornada de portas abertas

Semana das Profesións

Marzo 16th, 2011 Marzo 16th, 2011
Posted in Actividades, Ensino
Comentarios desactivados en Semana das Profesións

O Departamento de Orientación informa do completo programa da Semana das Profesións:

  • XOVES 17: 1º BACH visita ao campus de Santiago de Compostela e ao Centro Superior de Hostalaría de Galicia, e tamén ao comedor universitario onde algo haberá que comer.
  • LUNS 21:4º ESO/PCPI/ESA visita ao CIFP de Fene e ao CIFP Rodolfo Ucha (Ferrol).
  • MARTES 22: 1º E 3º ESO visitan ao CIFP Anxel Casal (A Coruña), 3º ESO coñecerá tamén INEF, 2º ESO visitará o CIFP Someso (A Coruña) e 2º BACH terá unha charla da Universidade de A Coruña (UDC). 
  • MÉRCORES 23: 4º, PCPI e adultos terá dúas sesións coa orientadora laboral do Concello de Mugardos e dúas sesións coa Técnica de RRHH de AVANZA. Ademais o alumnado interesado de 4º, 1º e 2º Bach terá dúas sesións informativas sobre o acceso á Garda Civil, Policía e Exército.  

Vía: GPS ORI ORI

O mundo sobre rodas

Novembro 17th, 2010 Novembro 17th, 2010
Posted in Ensino, Narrativa
Comentarios desactivados en O mundo sobre rodas

O Departamento de Orientación recoméndanos un libro de viaxes moi especial.  Titúlase El mundo sobre ruedas. O seu autor é Albert Casals, un mozo que con tan só 14 anos se lanzou a descubrir o mundo… en cadeira de rodas. Superou unha leucemia aos cinco anos e antes da maioría de idade xa percorrera, aproveitando as vacacións de verán e algún nadal, Italia, Grecia, Tailandia, Singapur, Malasia, Alemaña, Bélxica, Francia, Escocia e, finalmente, Xapón.

Con Albert aprendemos que as dificultades non son escusa. Como nos lembran desde o Departamento de Orientación:
  • Os problemas teñen diferentes solucións en función de como se vexan y como se enfronten.
  • Os problemas ás veces son oportunidades de cambio, aprovéitaos.

Procedencia da imaxe:
Papel en Blanco

Encontro con Rosa Piquín

Novembro 11th, 2010 Novembro 11th, 2010
Posted in Ensino, Sen clasificar
Comentarios desactivados en Encontro con Rosa Piquín

Na mesma semana que botamos a andar a HORA DE LER, o grupo de traballo da biblioteca recibiu un importante estímulo para seguir traballando. Contamos coa presenza esta mañá no noso centro de Rosa Piquín. Foi un luxo poder escoitar unha das mellores valedoras na teoría e na práctica dos Proxectos documentais integrados.

Despois desta sesión de docencia saímos aínda máis convencidos de que o xeito de traballar por proxectos acada sentido pleno desde a visión da biblioteca escolar como un centro de recursos de ensinanza, aprendizaxe e  lectura. Gozamos coas súas palabras e, asemade, tomamos boa nota das súas recomendacións. Mil grazas a quen fixo posíbel este encontro.

Inauguración do reloxo de sol

Outubro 4th, 2010 Outubro 4th, 2010
Posted in Ciencia, Ensino, Matemáticas
Comentarios desactivados en Inauguración do reloxo de sol

O profesor de matemáticas e sacerdote italiano Alberto Cintio inaugurou hoxe o reloxo sol colocado na parede exterior do instituto orientada ao leste. A instalación salienta polo seu orixinal deseño e completa información que achega.

A continuación puidemos asistir a unha interesante conferencia na que deixou constancia da súa fonda paixón pola astronomía e a transmisión dos coñecementos. Na súa charla houbo  constantes referencias á cultura clásica e outros datos matemáticos, históricos, xeográficos e lingüísticos.

O funcionamento do reloxo está dispoñible no documento elaborado polo departamento de matemática que ademais completou todo a información cunha exposición sobre difentes tipos de reloxos solares no corredor central do instituto. Mañá poderemos ler as crónicas e ver as fotos da prensa que cubriu o acto.

Dossier de prensa
Diario de Ferrol

Foto Diario de Ferrol

Centenario da Unión Mugardesa

Setembro 28th, 2010 Setembro 28th, 2010
Posted in Ares-Mugardos, Ensino
Comentarios desactivados en Centenario da Unión Mugardesa

25 de setembro, ás 18.30 horas no Casino Mugardés:

-Teatro: Sempre con Galicia, por profesorado e alumnado do CEIP “Unión Mugardesa”
-Conferencia: A tarefa máis fermosa da emigración galega a América, por Ernesto López Naveiras

1 de outubro, ás 20.00 horas no local social de Maiores de Mugardos:

– Inauguración das exposicións:

* Centenario da Escola Unión Mugardesa de Instrucción
* Escolas de habaneiros. Memoria gráfica.

– Conferencia:

* Escolas de americanos: proxectos e experiencias sobranceiros de educación popular para a Galicia rural (1904/1936) por Vincente Peña Saavedra.

2 de outubro, a partir das 13.00 horas, festexos conmemorativos do Centenario:

Recreación do Acto Inaugural de 1910:

13.00 horas: Recepción pola Corporación Municipal no peirao de Mugardos da comitiva e percorrido a pé ata a escola “Unión Mugardesa”. Descubrimento dunha placa conmemorativa e plantación dunha árbore.
14.30 horas: Xantar do Centenario no pavillón municipal do Cristo.
17.00 horas: Actuacións musicais de Xoán Rubia e do Trío Siboney.
(Para asistir ao xantar é necesario apuntarse na oficina municipal de información xuvenil, telf.: 981470338;ext. 3)

8 de outubro, ás 19.00 horas, no salón de plenos do Concello:

Peche dos actos do Centenario cunha mesa redonda e proxección de videos.