'Actividades' Category

Xaneiro 11th, 2012 Xaneiro 11th, 2012
Posted in Actividades
Comentarios desactivados en

A nosa biblioteca vén de achegar o seu pequeno grao de area ao “Bubisher”. Trátase dun proxecto que comezou como un bibliobús cargado de libros e que percorre as escolas dos Campamentos de Refuxiados Saharauís. Funciona como unha biblioteca ambulante para nenos, mozos e adultos.

Na actualidade hai xa unha biblioteca fixa en construción e ten o propósito de se estender a outros campamentos.

O libro que mercamos como aportación a este proxecto solidarío é Sirenas, un fermoso álbum de Ángel González, ilustrado por Valeria Docampo.

LIGAZÓN:
http://www.bubisher.com/

 

 

O Samaín e a biblioteca

Outubro 31st, 2011 Outubro 31st, 2011
Posted in Actividades, Literatura
3 Comments »

Samaín na biblioteca

A nosa biblioteca dedica este mes de novembro aos relatos de medo, nos cales aparecen todos eses seres que poboaron o imaxinario dos nosos devanceiros cando sentaban arredor do lume nas noites frías de inverno, e que seguen a poboar os nosos soños e fantasías. As ánimas en pena, as bruxas, o lobisome, as fantasmas… calquera desas personaxes poderá cobrar vida na túa imaxinación se te atreves a abrir algún dos libros que che recomendamos ou a oír algún dos relatos que se van ler durante os recreos.

Poderás observar que, neste tempo, a biblioteca presenta algún “adorno especial”. Trátase de elementos do reino vexetal que para os celtas ou para algunha outra cultura fortemente vinculada á nosa tiñan un simbolismo especial relacionado coa morte.

MAZÁS: No sahmain era moi popular o xogo de coller a mazá que aboia nun balde ou que está pendurada dun fío. Ásanse mazás e froitos secos e tamén se enterran para alimentar a alma dos antepasados.
Para os celtas, Avalon é a illa lexendaria das mazás. Dise que Avalon vén da antiga palabra “aval” que significa “mazá”. En Avalon únense dous mundos: o real e de máis alá. Avalon é a illa da vida eterna onde se dirixe o rei Arturo tras a súa morte.
Avalon lémbranos o Xardín das Hespérides, situado tamén no occidente e cuxas mazás conferían a inmortalidade.

CASTAÑAS: Os celtas crían que as castañas habitaban as almas dos mortos. Por cada castaña que comían liberábase unha alma.

GRANADA: Comer tan só un gran de granada impediulle a Perséfone saír do mundo dos Mortos onde Hades a tiña retida.

FABAS: Para os pitagóricos comer fabas estaba prohibido xa que había unha crenza de que estas contiñan a alma dos mortos.

NABOS: A noite do 31 de outubro os celtas expoñían diante das súas casas as cabezas ou caveiras dos inimigos para afastaren os malos espíritos. Este bárbaro costume reemprazouse por un nabo cultivado especialmente para a ocasión. Este nabo baleirábase, tallábanselle os ollos e a boca e poñíase dentro un facho aceso. Este nabo foi substituído por unha cabaza unha vez que esta nos chega de América.

PROGRAMA DE LECTURAS – 2º RECREO (10:25 – 10:45 horas)

Medo animal ______________Mércores, 2 de novembro

Sara e Tania (2º ESO)……….“La migala” de J.J. ARREOLA
Bernardo (2º BAC)…………….“O can danado” de C. E. FERREIRO
Emilo L. (1º BAC)…………….“O lobo” de U. NOVONEYRA
Bárbara (2º BAC)……………..“El cuento del hombre lobo” de PETRONIO

Alento do alén______________Xoves. 3 de novembro e Venres, 4 de novembro

Natalia (2º BAC)…………….”A cova dos carcamáns” de CASTELAO
Emilo M. (1º BAC)…………”Nunha igrexa da montaña” de CASTELAO
Chelo (profe)…………………”Sobre a morte do Bieito” de R. DIESTE
Vanesa e Lupa (1ºESO)… “A lenda de Jack O’Lantern”
Javier e Juan (1º ESO)…..”Os avisos da morte”, conto popular.
Emily (2º BAC)……………”Os dous irmáns”, conto popular
Gwendy (2º BAC)…………Fendetestas e Fiz de Cotovelo de “El bosque animado” W. F.FLOREZ

Pesadelos de loucura……..Venres, 4 de novembro

May (1ºBAC)………………..Texto de Vicente (1ºBAC)
Pablo (1º ESO)………………Texto propio inspirado en LOVECRAF
Alucinación colectiva

Visita ao Museo Etnográfico de Meixido

Xullo 2nd, 2011 Xullo 2nd, 2011
Posted in Actividades, Club de lectura, Historia
Comentarios desactivados en Visita ao Museo Etnográfico de Meixido

 

A última actividade do club de lectura levounos ata as terras do Ortegal. Narciso Luaces e Herminia Covelo abríronnos agarimosamente as portas do Museo Etnográfico de Meixido (Ortigueira) que é tanto como dicir da súa casa. Con paciencia e xenerosidade Herminia e Narciso dedícan os mellores anos da súa vellez a buscar, recoller e expor os obxectos que coñeceron desde a infancia.

Narciso e Herminia foron xuntando arreo desde 1999 unha colección que na actualidade xa supera as tres mil pezas de gran valor histórico e, en moitos casos, sentimental. Herminia e Narciso guían aos visitantes e ninguén coma eles para transmitir esa emoción polo coñecemento do pasado e facer do percorrido do museo unha vivencia única.

Ademais da súa sabedoría, Narciso e Herminia compartiron connosco unha doce infusión de herba luísa, desde agora bebida oficial do club e a lectura improvisada dunhas páxinas d´O carreiro. Memorias do tío Santos, o primeiro libro de Narciso. Anunciounos que xa ten outro no prelo sobre os oficios e que agardamos ver e ler proximamente.

Moitas grazas Narciso e Herminia; Herminia e Narciso.

Ligazóns:

Entrevista na Radio Galega. (mp3)
Entrevista con Narciso Luaces
Lectura da Romaxe a Santo André de Teixido. Biblioteca Virtual Galega

Avaliación da HORA DE LER

Xuño 29th, 2011 Xuño 29th, 2011
Posted in Actividades, Ensino
Comentarios desactivados en Avaliación da HORA DE LER

Durante as últimas semanas do curso realizamos un inquérito para coñecer o funcionamento e a opinión da comunidade escolar sobre a HORA DE LER . Obtivemos 83 respostas de alumnos/as  e 19 respostas de profesores/as. En xeral, os datos reflecten unha boa impresión da experiencia inicial deste ano, pero tamén algúns puntos conflitivos que cómpre solucionarmos para os vindeiros cursos.

Podes consultar todos os resultados e comentarios no seguinte enderezo.

Avaliación da HORA DE LER.pdf

Moitas grazas a todos/as pola colaboración. Feliz verán de libros e lecturas.

1º. PREMIO “Incubadora de Sondaxes e Experimentos”

Xuño 25th, 2011 Xuño 25th, 2011
Posted in Actividades, Matemáticas, Premios
Comentarios desactivados en 1º. PREMIO “Incubadora de Sondaxes e Experimentos”


Parabéns a Verónica, Andrés, Carlos, Carmen e Sergio de 2º. ESO  por acadar o primeiro premio no concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos organizado por SGAPEIO. Estamos moi orgullosos porque sabemos de todo o esforzo e dedicación investido neste proxecto. Así nolo transmitiron tamén na presentación realizada no Acto Cultural “Móstrate, mestre”.
Parabéns á profesora María Martínez e a todo o departamento de Matemáticas.

Móstrate, mestre (I): “Esto es Troya”

Xuño 16th, 2011 Xuño 16th, 2011
Posted in Actividades, Teatro
Comentarios desactivados en Móstrate, mestre (I): “Esto es Troya”

Do acto cultural celebrado no instituto o pasado venres, 10 de xuño, iremos esquecendo os detalles pero debemos gardar boa memoria do excelente labor da comunidade educativa que ano tras ano o fai posible. Entre todos amosamos unha parte do mellor de nós mesmos: un centro vivo, con interese por aprender e ensinar, rico na variedade de propostas e actividades.

Comezamos unha serie que garde a memoria gráfica do que foron esas intensas catro horas felicitando ao grupo de teatro de 1º. BAC. Dirixidos pola profesora Olga Cabalar puxeron en escena a difícil obra musical de marionetas “Esto es Troya”. Velaquí unha pequena mostra do gran nivel acadado:

Esto es Troya

Móstrate, mestre!

Xuño 5th, 2011 Xuño 5th, 2011
Posted in Actividades, Ensino
Comentarios desactivados en Móstrate, mestre!

O próximo venres día 10 será a xornada de portas abertas e terá lugar o tradicional acto cultural.  É un día para mostrar o moito e bo traballo que se está a facer no centro. Este ano trátase de dar visibilidade, de poñer en valor a preparación e profesionalidade do profesorado e tamén de mostrar as súas inquedanzas.

Pódese ver o programa ampliando o cartel:

Xornada de portas abertas

Reiventando a historia

Maio 28th, 2011 Maio 28th, 2011
Posted in Actividades, Fotografía
Comentarios desactivados en Reiventando a historia

II CONCURSO DE NARRATIVA E POESÍA

 Reinventando a historia

PARTICIPACIÓN: Poden participar todos os alumnos do centro. 

MODALIDADES: Narrativa e poesía acompañados dunha fotografía anterior ó ano 1950. O texto debe facer referencia, dalgún xeito, á imaxe da fotografía que se presenta.

  • Poesía (extensión mínima 10 versos, máxima 2 folios, por unha soa cara. Letra Arial 12 e con dobre espazo entre as liñas).
  • Narrativa (extensión mínima 1 folio, máxima 5 folios, por unha soa cara. Letra Arial, tamaño 12 e a dobre espazo).

PRESENTACIÓN: Os traballos deberán ser orixinais e inéditos e estar escritos en lingua galega.
No texto presentado e tamén na fotografía (que pode vir escaneada ou fotocopiada a cor) figurará tan só o título da composición. Isto acompañarase dun sobre pechado que levará por fóra o mesmo título da composición e dentro os datos do autor: nome, apelidos e curso.

PREMIOS: Un MP4 para cada modalidade. O xurado pode, se así o considera, outorgar accésits ou declarar deserto o premio.

XURADO: Estará composto por tres profesores ou membros do Equipo de Dinamización Lingüística.

PRAZO DE PRESENTACIÓN: Ata o día 6 de xuño na Conserxería.

IES de MUGARDOS
Equipo de Dinamización Lingüística.
Curso 2010-2011.

Encontro en Pontedeume

Maio 25th, 2011 Maio 25th, 2011
Posted in Actividades, Club de lectura
7 Comments »

Este martes o noso club de lectura Pata Sana tiña unha cita importante en Pontedeume. Quedamos cos colegas do IES As Mariñas de Betanzos para vivirmos unha xornada de convivencia e amizade. Pola mañá realizamos unha pequena actividade de orientación polas rúas do casco vello á busca de información, e pola tarde aínda nos quedou tempo para xogar na praia de Cabanas.

Á espera dos vosos comentarios, tiramos xa unha conclusión: para o vindeiro ano repetimos. Apuntádevos ao club de lectura.

II Rastro Solidario

Maio 25th, 2011 Maio 25th, 2011
Posted in Actividades
1 Comment »

Como moitos xa sabedes, desde o curso pasado estamos a recadar fondos para axudar na construción dunha aula no colexio de Educación Secundaria OldonyoSambu en Tanzania. O diñeiro recollido no rastro do ano pasado serviu para mercar tixolos e as planchas do tellado. Agora necesitan mercar o cemento e pagar a man de obra para completar a aula.

Con este obxectivo organízase o II Rastro Solidario. Tanto os alumnos/as coma os profesores/as poden contribuír, de xeito voluntario, achegando obxectos en bo estado e que estarán á venda no Rastro. Cada alumno/a poderá entregar ata tres obxectos que non sexan moi voluminosos: libros, cd, dvd, xogos, obxectos decorativos, roupa… A entrega realizarase nas clases de atención educativa e/ou relixión entre o 18 e o 30 de maio.

O Rastro Solidario terá lugar o mércores, 1 de xuño, en horario lectivo, na entrada do instituto.

Co fin de que o diñeiro chegue íntegro ao seu destino creouse unha asociación sen ánimo de lucro: Iguais-Educación e cooperación con conta aberta no Barclays (0065-1092-400001028729) sen comisión ningunha polas transferencias.

Máis información: Vicedirección.